Para ser alumno ou alumna hoxe

Os nenos e non tan nenos estamos acostumados a escoitar que o estudo diario é a base da 
aprendizaxe. É certo que o cerebro é un músculo e, como tal, hai que exercitalo, mais unha boa 
memoria non sempre é a clave para ter unhas altas calificacións. Como dixo Hesíodo, poeta 
grego, a educación axuda ás persoas a aprender a ser o que son capaces de ser. A receita que 
vos deixo a continuación está pensada por unha alumna de bacharelato, coido que sexa útil, 
mais supoño que pode variar dependendo do nivel académico que se alcance.

Ingredientes:

750g de atención  
½ l de interese 
500g de curiosidade 
3 kg de educación  
3 culleiradas sopeiras de autocontrol 
150g de iniciativa
200g de pensamento crítico
2,5 kg de perseverancia 
condimentos: 2 vasiños de expectativas e 100g de optimismo

Preparación:

Encendemos o forno vinte minutos antes da clase para que os conceptos non sexan moi fríos e 
aburridos. Nunha cunca bastante fonda, mesturamos os 3 kg de educación e os 750g de 
atención. É moi importante non desperdiciar ningún gramo para que a receita sexa efectiva. 
Unha vez que obtemos unha masa moldeable, engadimos con coidado medio litro de interese e 
tres culleiradas de autocontrol. Removemos a mestura até obter unha cor acastañada. 
Dependendo do gusto de cada mestre, engadimos os 100g de optimismo ou, pola contra, dous 
vasiños de expectativas.

Como dixo A. Godin, a calidade das nosas expectativas condiciona a calidade das nosas 
accións. Porén, poñernos metas inalcanzábeis é o primeiro paso para a decepción. Aquí entran 
en xogo os 2,5 kg de perseverancia. Lembro cando tiña cinco anos que os meus avós me 
regalaron a miña primeira bicicleta. O meu avó foi o primeiro en axudarme a subir e a pedalear. 
Foron moitos os días que pasei da súa man tentando non caer, pero nunca conseguía chegar soa 
ata onde el me propoñía. Entón choraba. Choraba moito porque daquela eses eran os grandes 
problemas. El sempre me dicía que o que importa é disfrutar o camiño e que debemos 
esquecernos da meta. Creo que non existe un mellor consello tanto para un neno coma para un 
adolescente.

Agardamos que o reloxo marque os vinte minutos e introducimos a cada alumno na súa (agora 
acolledora) aula. Dependendo da materia elixida, o mestre entregará a cada alumno 150g de 
iniciativa ou ben 200g de pensamento crítico. É importante que a clase non exceda os 50 
minutos para manter a atención dos alumnos. 

Ao rematar a lección, os estudantes tomarán 500g de curiosidade para investigar a tarefa que 
recomendou facer o mestre.

En canto ás cantidades dos meus ingredientes, a miña fonte de inspiración foi un blog cun post 
semellante ao meu.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Por que o mar?

A Metamorfose de Franz Kafka