A Metamorfose de Franz Kafka
Ler é unha das actividades máis accesíbeis nestes tempos de confinamento. A miña proposta é A metamorfose, pero para entendela é fundamental coñecer algo máis do seu autor.
Para empezar, Franz Kafka naceu o 3 de xullo de 1883 en Praga, no seno dunha familia de orixe xudía. É considerado como unha das figuras centrais da literatura moderna e o precursor do existencialismo. Pertence á primeira metade do século XX. Os acontecementos que neste momento se sucederon van marcar a transformación de todas as ordes: política, social, artística... Tras a crise de fin de século, ten lugar a Gran Guerra, que supón o inicio da historia contemporánea. Co seu remate en 1918 iníciase o período de entreguerras e a recuperación económica dos ‘’felices anos 20’’. Ao mesmo tempo, as tensións ideolóxicas estalan co desenvolvemento dos totalitarismos.
Kafka interesouse pola novela, xénero predominante, que vai experimentar cambios na súa forma e contido: o que importa non é contar uns sucesos de forma lineal, senón presentar unha estrutura e linguaxe rechamante. A narración omnisciente perde valor e introdúcense novas técnicas para facilitar a expresión de sentimentos, como o monólogo interior.
A metamorfose é a obra que imos analizar a continuación, pero non é a única do autor. Podemos destacar A Condena, que trata a historia de Georg Bedenmann, un comerciante desprezado polo seu pai ata morrer, ou O Proceso, con Josef K. como protagonista, que debe demostrar a súa inocencia nun complexo proceso xudicial.
En 1915 sae a luz unha especie de autobiografía de Kafka baixo o título de A metamorfose. O seu narrador é o propio autor, polo que está en terceira persoa. Porén, Franz escribe dende a perspectiva do protagonista, coñecendo os seus sentimentos e fundíndose na figura de Gregor. Deste xeito, vése como aquel escaravello que está apartado dun mundo que non o comprende.
A historia xira entorno a Gregor Samsa, aínda que tamén actúan como antagonistas a súa irmá Grete e os seus pais. A intervención do xerente ou dos tres hóspedes limítase a capítulos concretos.
O tempo interno é de aproximadamente tres meses, dende novembro até marzo. O tempo externo é a época contemporánea de Kafka, 0 século XX, un dos períodos máis conflitivos da historia, no que se desenvolveron varias guerras de carácter nacional ou internacional. O marco escénico é un espazo pechado e opresivo: a casa da familia Samsa e, principalmente, o dormitorio de Gregor, que se vai transformando de forma paralela ao personaxe. Dependendo do punto de vista, o espazo ten un valor: para Gregor é o seu refuxio, mentres que a familia lle outorga a apariencia de cárcere. A rúa é o espazo secundario que proporciona luz á historia.
O principal propósito do autor é matizar a soidade e o absurdo da existencia, de aí que non describa os motivos nin o proceso da transformación do seu personaxe.
Unha das cousas que máis valoro dunha obra é que non sexa redundante. A Metamorfose destaca precisamente polo seu dinamismo e facilidade de expresión. Porén, o mellor é acadar un término medio, pois a obra deixa moitas tramas sen resolver: Cal é o motivo desta transformación? Por que ninguén vai na procura dun remedio? Enigmas que, como lectores que somos, gustaríanos que tiveran unha explicación. O que aprendín con esta obra é que a soidade non é unha compañeira agradable. Non contar co apoio da familia pode supoñer un gran baleiro interior, como lle sucedeu a Gregor Samsa: ‘’ A súa opinión sobre a necesidade da súa propia desaparición era probablemente máis firme cá da súa irmá’’.
Se queredes ler esta obra, déixovos un pdf coa historia completa: A Metamorfose de Franz Kafka. Por experiencia, intuo que pensaredes que unha historia é moito máis atractiva de forma visual. Pois, como ver vale máis cá só ler, déixovos un vídeo que agardo que disfrutedes. Xa non tedes escusa!
Comentarios
Publicar un comentario